Sunday 05 de May de 2024

ABANCA e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia colaboran para atender ás demandas dos produtores


● ABANCA Agro pon a disposición dos asociados un catálogo de produtos e servizos adaptado ás necesidades dos criadores

● O convenio contempla liñas de financiamento específicas para mellorar a eficiencia enerxética das explotacións

● A entidade financeira pon a disposición deste colectivo os convenios oficiais para facilitar o acceso ao crédito

ABANCA e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) veñen de renovar o seu convenio financeiro de colaboración que ten como obxectivo proporcionar aos asociados novas opcións de crédito que lles permitan atender ás súas demandas como produtores e gandeiros.

O acordo foi asinado aproveitando a celebración da Feira Internacional ABANCA Semana Verde de Galicia polo director de ABANCA Agro, Jesús Combarro Pereira, e o director de BOAGA, José Ramón Justo. Deste xeito, consolídase o compromiso da entidade financeira cun segmento clave na economía
produtiva de Galicia e en concreto cunha das asociacións máis relevantes de produtores de razas
autóctonas de Galicia.

No texto recóllense unha serie de condicións melloradas para o colectivo de criadores que se centran principalmente nas necesidades máis esenciais e inmediatas do sector agroalimentario. Así, os asociados
terán acceso a unha conta de crédito para a financiación dos gastos do día a día das súas actividades a un prazo de ata cinco anos que permite un aforro relevante nos gastos de formalización.

Os gandeiros e produtores tamén terán acceso a préstamos específicos con amplos prazos de amortización e xuros baixos para financiar os seus investimentos. Ademais, contarán con outros produtos como liñas de comercio exterior, financiamento mediante leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos, o anticipo PAC ou o préstamo para gastos de campaña.

Asemade, a sostibilidade sitúase no epicentro do acordo, xa que a entidade financeira ofrece á asociación e aos seus integrantes o financiamento de activos de diversa natureza, en condicións melloradas, sempre que supoñan unha mellora da sostibilidade das explotacións dos criadores.

Ademais, o banco reforza o seu compromiso con BOAGA poñendo a disposición dos seus asociados,
liñas de financiamento oficiais. Nesta ampla oferta, ABANCA conta con alternativas do ICO, SGRs
e SAECA.

A maiores, a través da súa unidade especializada ABANCA Agro, o banco ofrece persoal especializado
no sector agroalimentario e na xestión de seguros para asesorar sobre as pólizas que mellor se adapten
ás necesidades de cada caso. Inclúese unha liña de financiamento específica para seguros agrarios en
condicións moi competitivas.

Os asociados tamén poderán gozar das vantaxes que lles ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén por servizos habituais como as transferencias ou ingresos de cheques.